A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo presentou o Plan de Protección de Xacementos Megalíticos. Este proxecto permitirá que catorce xacementos da Costa da Morte sexan declarados Bens de Interese Cultural. A maioría de monumentos, un total de oito, están localizados dentro do concello de Vimianzo.A Xunta de Galicia traballa no proceso de adquisición para incluir estes recursos xunto co Dolmen de Dombate, xa declarado B.I.C., no Parque Arqueolóxico da Cultura Megalítica.
A Consellería de Cultura e Deporte presentou o Plan de Protección dos Xacementos Megalíticos. O proxecto pretende dar o máximo grao de protección legal aos monumentos megalíticos máis notables do país. E neste acto douse a coñecer a listaxe de 48 xacementos para os que se vai iniciar o procedemento previo para declaralos BIC inclúe pezas de gran interese cultural, simbólico e arqueolóxico, tanto polas características arquitectónicas do monumento como polos gravados inscritos e outros achados ligados ao xacemento. Na Costa da Morte existen catorce cámaras que se van a unir ó Dolmen de Dombate en Cabana de Bergantiños, que xa conta con tal declaración, e que formarán o Parque Arqueolóxico da Cultura Megalítica. Pertencen ós concellos de Vimianzo, Zas, Laxe, Mazaricos, Malpica, e Carballo. Na actualidade estase redactando un plan sectorial que permitirá a súa adquisición. Entre os monumentos que formarán parte deste parque atópanse algúns tan emblemáticos como a Pedra da Arca ou Casa dos Mouros de Vimianzo, a Arca da Piosa en Zas, a Mina da Parxubeira en Mazaricos e a Pedra da Arca en Malpica, así como dúas cistas: a Casota de Berdoias en Vimianzo e a Fornela dos Mouros en Laxe. O Plan de Protección dos Xacementos Megalíticos foi presentado pola conselleira, Ánxela Bugallo e polo Director Xeral de Patrimonio Cultural, Felipe Arias.
OS XACEMENTOS ELIXIDOS:
Pedra da Arca ou Casa dos Mouros (Baíñas, Vimianzo).
Pedra da Lebre (Serramo, Vimianzo).
Pedra Moura de Monte Carneo (Treos, Vimianzo).
Pedra Cuberta (Treos, Vimianzo).
Mina de Recesinde (Carantoña, Vimianzo).
Arquiña de Vilaseco (Castrelo, Vimianzo).
Casota de Berdoias (Berdoias, Vimianzo).
Rabós (Necrópole de Chan do Cabral) (Baíñas, Vimianzo).
Arca da Piosa (Muíño, Zas)
.Pedra Vixía (Lamas, Zas).
Fornela dos Mouros (Nande, Laxe).
A Mina da Parxubeira (Eirón, Mazaricos).
Pedra da Arca (Cerqueda, Malpica).
Pedra Moura (Aldemunde, Carballo)..