Terra Galega volveu ó Pazo de Cultura. Esta vez para pedir o voto e criticar a acción do goberno do PSOE e BNG, pero tamén ó anterior do PP. A candidata Sisa Méndez fixo alusión a intervención de Quintana e a “excursión de Portugal”, e denunciou as mentiras dos tres grandes partidos con respecto a autovía.
Terra Galega criticou en Carballo as innumerables promesas electorais incumpridas no seu día polo PP e agora polo bipartito. O primeiro en denuncialo foi o portavoz local da formación, Manuel Andrade Cristóbal. «Cando nós decidamos teremos unha autovía gratuíta nova á Coruña, nós non impoñeremos as piscifactorías nin os parques eólicos onde non vos queira a xente, non promoveremos plans sectoriais de vivenda para facer guetos, teremos porto de Razo, promoción da costa e do mar, traída de auga de calidade para todos vos veciños; teremos mercado pronto e sen costarlle un euro aos carballeses, e chan industrial barato e subvencionado», relatou.
Os cinco oradores que desfilaron sobre o escenario do Pazo da Cultura -o propio Andrade, Laura Tasende, Sisa Méndez, José López Balado e Xoán Gato- cargaron as tintas contra os tres grandes partidos que concorren a estas eleccións. «Son como os Reis Meigos: Melchor, Touriño; Gaspar, Quintana, e Baltasar, Feijoo, porque leva catro anos na oposición e xa está negro», ironizou a candidata de Coristanco, número 7, quen tamén expresou o desexo de converter o seu municipio «nun pequeno Narón da Costa da Morte».
O exemplo de desenvolvemento do concello gobernado por Gato durante máis de vinte anos planeou nos discursos durante toda a velada. Sisa Méndez foi especialmente crítica. «Estou encantada de ver esta sala chea de xente a pesar de que nós non lle prometemos a ninguén levalo de excursión a Portugal», empezou a súa intervención, unha das máis aplaudidas e, por momentos, visceral. «O PP dixo que a autoestrada ía ser gratuíta; o PSOE, que ía rescatar a peaxe, e o BNG que se gobernaba a ían quitar. Por iso non é un insulto chamarlles mentireiros, mentireiros, mentireiros», insistiu.Andrade equiparou os bipartitos galego e carballés, do que ata chegou a insinuar «que están roubando cartos»