Os socialistas ofreceron un mitin no concello de Zas, onde destacaron o traballo feito polo seu partido e criticaron ó candidato do PPdG, Alberto Núñez Feijóo ó que acusan de “privatizar a autopista”. Interviron José Luís Acción, José Marcote e Marisol Soneira.
A candidata socialista ao Parlamento Galego, Marisol Soneira, afirmou en Zas que “o principal activo da Costa da Morte nestes catro anos foi Emilio Pérez Touriño” e que “este goberno situou á Costa da Morte en primeira liña das políticas de desenvolvemento da Xunta”. “Por primeira vez a nosa comarca tivo un tratamento diferenciado en pé de igualdade co resto de comarcas”, subliñou a candidata socialista, que contrapuxo a este modelo “o illamento histórico ao que nos someteu o Partido Popular”.
Neste sentido, Marisol Soneira criticou que “a única contribución de Núñez Feijoo á Costa da Morte foi a privatización e a prórroga da concesión da autopista Coruña-Carballo ata o ano 2045”.