En plan monologuista político, sen atril, interviu Anxo Quintana en Carballo que pediu que a corrente de simpatía que afirma que existe hacia o BNG se transforme en votos. Foi duro co PP ”que quere un país sen democracia” e cree que a abstención lles beneficia “a eles que estiveron gobernando 50 anos”.
Crónica e Fotos de Xosé Manuel Lema
xmlema@anosacosta.com
Pasaban de 450 as personas que se daban cita no Pavillón Bergantiños para participar no mitin central do BNG. A xente foi chegando a borbotóns desde diferentes puntos da bisbarra. O formato do mitin foi estupendo, non chegaron a unha hora e houbo catro oradores que fuxiron do efecto contraproducente dos habituais discursos empalagosos.
O primeiro en falar foi o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, con moita enerxía afirmaba que soñara coma Luther King “que Anxo Quintana sexa o presidente de todos”, En poucos minutos fixo un relatorio de investimentos feitos en Carballo e tamén lanzou unha reflexión. Días despois de que a plataforma da Agra da Lagoa agochara unhas pancartas que estaban facendo dano.
“Este é o momento da única alternativa que defende os intereses de Galicia. O BNG defende os intereses de Carballo sen mentiras e con diálogo é como se solucionan os problemas”.
Despois chegaba o candidato Xosé Regueira, que dicía que “antes dicían que incluso comíamos nenos pero hoxe construimos galescolas” e afirmaba que “o BNG é a expresión da dignidade do pobo galego. Canto máis BNG , máis avances”. Regueira, que debeu sobrepasar o seu tempo, porque os últimos minutos da súa intervención foron interrumpidos pola sintonía electoral, amosou coma logros do BNG, os polígonos industriais, Plan de Vivenda protexida, o Consorcio de Turismo da Costa da Morte ou o Plan Director do Dolmen de Dombate. Seguiu reclamando a chegada do tren comarcal e un estatuto de nación.
Ana Pontón encargouse de disparar o Partido Popular. “Non podemos permitir que volvan os gobernos do PP, un partido sen ideas e sen proxectos que non se atreve a debater”. Pontón manifestou que os populares eran un partido “con pouca xente honrada”.
E chegaba Anxo Quintana, que se algo hai que reprochar na súa intervención foi o feito de que non se aludira a comarca directamente como fixera na anterior campaña. Tirou dun discurso imaxinativo para asegurar que o amor é a solución do avance dos pobos. Contou a historia do político Lázaro Cardenas, criticou que a pesares das posibilidades de Galicia no eido hidroeléctrico “pagamos o mesmo recibo da luz que outro cidadán do estado”. Defendeu o decreto eólico, e tamén que Galicia siga potenciando a súa selección de fútbol. Quintana pediu o voto para o Bloque e para “un goberno que tome as decisións pensando nos cidadáns sen ter que pedir permiso nin a Rajoy nin a Zapatero”.
O candidato do BNG gustou e arrancou aplausos cando ofreceu a súa opinión sinceira con respecto a varios medios de comunicación. Por unha banda citou a Feijóo que “ten algún periódico disposto a facer de altavoz das súas mentiras e das súas difamacións”, e comentou que o seu partido quería gobernar para todos ainda que se encontraba coa oposición de algún sector. “Son poucos, pero ricos e poderosos e teñen moita Voz”. O líder nacionalista prometeu a creación dun instituto de crédito galego, ridiculizou a Núñez Feijóo do que dixo que tiña medo a debatir con él, asegurando que “a Feijóo gústalle máis a banca das illas Caimán”.
Anxo Quintana alertou da abstención que aseguraba que beneficiaba o PP. Despois entre aplausos, saudaba e asinaba en bandeiras galegas cunha cruz vermella. Nas portas repartíanse folletos, pegatinas e papeletas con voto incluído.