«Na Costa da Morte todo tarda en chegar «.

0
637

Image
O escritor Alberto Lema  e un dos candidatos da zona. Neste caso nas listas da Frente Popular Galega. Dubida que o BNG faga unha política de esquerdas e nacionalista e cree que o chamado voto útil só serve para que todo siga coma sempre. Lema comenta que a formación na que milita defende os principios do socialismo e da independencia

Perseguindo a mellor cobertura posible, Anosacosta.com está contactando con diversos veciños da zona que  aparecen nas diferentes propostas. E non só queremos centrarnos nos tres grandes partidos políticos. O noso primeiro convidado é Alberto Lema Suárez que  naceu na parroquia vimiancesa de Bamiro e ocupa o posto número 8 nas listas da F.P.G.

1-¿Porqué te decidiches a incluirte nunha candidatura política?

Penso que é coherente ir nas listas electorais do partido no que militas. No caso de que cho pidan, claro.

2- ¿E porque na Fronte Popular Galega? ¿Canto tempo levas nesta formación?

Milito na FPG porque representa uns principios políticos nos que acredito: a independencia e o socialismo, pero tamén o traballo desde a base nas organizacións obreiras, e a non submisión á expectativa de éxito.

3- A vosa ideoloxía política está asentada na independencia de Galicia e no socialismo. Estas son as vosas verdadeiras aspiracións?

Son exactamente esas dúas. Ora ben, explicar o sentido e o valor desas premisas penso que podería ocuparnos unha enciclopedia enteira.

4- ¿Qué che pareceu o papel do Bloque no goberno bipartito?

Cando un partido que se di de esquerdas e nacionalista acata as regras de xogo do Capital e da Restauración Borbónica, malamente pode chegar a facer política de esquerdas e nacionalista.

5- Crees que os escritores deben de participar en política?

Eu vexo a participación dos escritores na política como un mal menor, o realmente malo é cando participan os empresarios, os militares ou mesmo os políticos profesionais.

6- Falando da Costa da Morte. ¿Pensas que avanzou moito nos últimos catro anos?

Sabemos que todo tarda en chegar a Galicia, e, á Costa da Morte, aínda máis.

7- Para ti cales son as prioridades para o progreso da Costa da Morte?

Sería necesario, entre outras, que os mariñeiros puidesen pescar, os gandeiros produciren leite a un prezo razoable, e que unha parte importante dos beneficios do sector eléctrico aquí instalado remitise aos seus lexítimos propietarios.

Image

8- Supoño que para a vosa formación será moi complexo poder chegar a xente coa vosa mensaxe, tanto a nivel medios de comunicación coma organizando actos públicos.

A lóxica do Capital imponse en todas partes: os medios de comunicación están ao servizo de quen lles paga, e a FPG non está en situación de pagarlles moito agora, nin nun futuro próximo.

9- ¿Qué obxetivo electoral tendes?`

Darlle a posibilidade de votar a todos aqueles que compartan o proxecto da independencia e o socialismo.

10- Por último, Alberto deixote este espazo por se queres engadir algo, e agradecemos a túa amabilidade con anosacosta.com.

Simplemente, aproveito para lembrar que o voto útil e pragmático sirve, finalmente, para que as cousas sigan como sempre. Hai que atreverse a votar polo que un realmente quere.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí