Ofrecemos o artigo de opinión que se publica hoxe nun número especial de "El Periódico de Bergantiños, Xallas e a Costa da Morte", asinado polo director deste xornal e compañeiro de Anosacosta, Xosé Manuel Lema, entorno ó proceso electoral que estamos vivindo.
"CHEGOU A HORA DA VERDADE"
Son dos que penso, egoístamente por suposto, que aínda non tivemos nunca un goberno cen por cen comprometido coa Costa da Morte, nin uns políticos especialmente reivindicativos. Refírome a uns políticos que protesten ós seus partidos no goberno e non que só inchen o peito e collan a pancarta e o megáfono cando están na oposición. Tamén estou dacordo en que moitas cousas se poden conseguir de xeito calado e é certo que nesta zona somos menos habitantes que noutras comarcas e cidades de Galicia e España. Pero dixen que estaba pensando de xeito egoísta e confeso que lamento quen non teñamos líderes comarcais de máis peso nos aparatos de poder dos seus partidos políticos. Aínda que eu chámollle ter influxo nas decisións a máis cousas, un exemplo ilustrativo e que hai dous candidatos con posibilidades de ser deputados na mesma noite do 1 de marzo, Alberto Sueiro, do Partido Popular, e Marisol Soneira, do Partido Socialista. Os dous baixan postos con respecto a fai catro anos.
E logo, pois temos a un que sube postos, o nacionalista Manuel Antelo Pazos, pero posiblemente non vai ser elixido de primeiras, e o feito de que consiga unha acta de deputado depende de renuncias e outros temas, circunstancia que tamén podería afectar a outros membros das listas do PP e do PSOE. Nas cúpulas das directivas das organizacións políticas tampouco están os nosos salvo nas súas propias cotas establecidas. Tampouco vemos conselleiros e altos cargos daquí. E salvo casos contados, poucos logran ter excesivas responsabilidades. Así a memoria véñenme o secretario de Estado de Relacións cos Cortes, o ceense Francisco Caamaño (PSOE), o Presidente da Comisión de Servicios Sociais da Deputación, o nacionalista Xoán Manuel Sande, a delegada provincial de Cultura, Milagres Lantes, o socialista José Manuel Pequeño Castro no goberno da Deputación, Marisol Soneira con responsabilidade en materia de emigración no PSOE, ou a vimiancesa Carmen Borbujo que é a Vicesecretaria provincial do PP, e o seu compañeiro de siglas, o deputado Sueiro Pastoriza.
Eu non me imaxino, o feito de que houbera un gran pacto pola Costa da Morte.¿Imaxínanse a Marisol Soneira, Alberto Sueiro, Manuel Antelo e Sisa Méndez asinando un decálogo de compromisos coa Costa da Morte?. Para que os seus partidos cumpriran unha serie de acordos e prazos coa bisbarra. Que empeñaran conxuntamente a súa palabra e acordaran un consenso de necesidades da zona, que os fixera estar blindados ante os posibles olvidos dos seus partidos. ¿Poden imaxinarse por un momento o efectivo que sería para a zona?. Sería todo un exemplo de superación dos partidismos, pero posiblemente sexa unha utopía. E apetecíame facer esta exposición. Agora que chegou o momento de expresar a nosa opinión convertida en voto. Porque considero moi importante que todos participemos e votemos. É o momento de elixir o que queremos. Para máis desde a miña óptica e o sentimento de que vaise dar un resultado moi reñido, entre unha hipotética victoria por maioría absoluta do Partido Popular ou que entre PSOE e BNG logren xuntar 38 escanos para volver cun goberno bipartito. Tamén saberemos se continuamos cun tripartidismo claro ou algún outro partido (UPyD ou Terra Galega) logra representación.Esa é a cuestión básica a dilucidar o vindeiro 1 de marzo. Chegou a hora da verdade.