Novo poema na sección de Rafael Lema,en anosacosta.com, titulado "Toponimia escarlata sobre o loito en veludos".
TOPONIMIA ESCARLATA SOBRE O LOITO EN VELUDOS
Cada nome é un altar de misterios
Co seu paso de tinta quente sobre o mapa
Na humana cortografía convertida en montañas
Vales outeiros ríos con muíños
Follas caídas dunha árbore vedraña e ritual
Fala perdida entre a borraxeira
E as cañeiras cara as furnas dos mouros de algún día.
A imaxe dunha labra de milenios
Inscrita a lapis na brétema do grove.
Arquivoltas claves e dovelas
Na moldura de aristas ou de sílabas
Brocel e medias canas.
Os vellos nomes sonidos que nos chegan
Dos lugares de orixe
Abismo da memoria
Entre os dedos e na punta da lingua.
Silabario de infancias con pel de limón e zucre en vasos gordos
O latexo do fume nacendo no medio da lareira
Unha cinza que a brisa aventa
Que penetra amodo nos pulmóns
Porque nin donos somos da primeira das formas
Da conxunción das letras que conforman
O lugar da nacencia púrpura e amarelo
Estames luminosos que atraen as abellas.