A OPINIÓN DE "HUELVIS"
O U.C. Cee preséntase como máximo favorito logo de volver á senda victoriosa coa pasada Copa da Costa.
Xa non está o Sporting Zas, vixente campión, que xunto con San Lorenzo, Dumbría e Soneira serán os nosos representantes na 1ª Autonómica, pero na Liga da Costa 2007- 2008 vai a haber calidade e esperemos que moita emoción. Quizais a igualdade xeral se poida ver rachada por arriba polo Cee, que logo de espantar moitas pantasmas co título de Copa, afronta o reto ineludible do ascenso. Todo o que non sexa iso pode soar a fracaso. Manolín e a vila da Xunqueira queren un equipo grande non só no ámbito local senón tamén cando menos no provincial. Os seus reforzos máis destacables son de talla contrastada. Bibi e Fran Pioto sumarán moito, igual que o regreso á portería de Mingos e a continuidade ( tras un viaxe de ida e volta ó Santa Comba )de Toni.
Logo do Cee ábrese un gran abano de candidatos á zona privilexiada. Quizais o máis reforzado é o Ponteceso. O proxecto de Mato con Javier Bardanca no banquillo e unha ducia de caras novas é a aposta máis relevante de salto de calidade e na clasificación. Miguel Martínez, Barca, Carliños ou Roberto Ríos, xunto cos que xa estaban, parecen bos mimbres para un bo cesto. Neste grupo tamén deben de estar o novo Baio de Lodeiro, o sempre correoso Castriz de García, que mantén o seu sólido bloque; un ambicioso Carnota con Tropi como mariscal de campo e incluso Fisterra e Sofán. Os de Arasolis volven a xuntar un tándem exitoso, con Quico Benlloch na presidencia e Ángel López Canosa no vestiario. Mentres, os do Carral engadiron gotas de calidade e experiencia a unha plantilla plenamente consolidada na categoría.
Dos novos, o Muros parece o máis fiable. Amplio plantel de xogadores, moita xuventude e moitos anos xuntos e co mesmo adestrador, Felipe.
A 3ª Autonómica tamén promete emocións fortes, con históricos coma Xallas, Lira, Muxía ou Cabana en pleno proceso de reconstrucción.
¡Que empece a rodar o balón!. Sorte e sentidiño a todos.
José Manuel Vázquez "Huelvis"