A Deputación e os concellos de Santa Comba, Mazaricos e Zas únense para acondicionar a senda fluvial do Xallas

0
3162

O Vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, comprometeu o apoio da entidade provincial ao proxecto de acondicionamento da senda fluvial do Xallas, presentado polos rexedores de Mazaricos, Santa Comba e Zas.

Regueira destacou o «interese turístico, patrimonial e tamén económico, en especial, no momento actual en que o senderismo e, en xeral, o deporte e o turismo ao ar libre foron tomando forza polos efectos da pandemia nunha dirección na que, sen dúbida, se continuará unha vez que rematen as restricións».


Así o manifestou logo dunha xuntanza cos mandatarios Juan José Blanco, David Barbeira e Manuel Muíño, na casa consistorial do concello de Mazaricos, na localidade da Picota.

Dez pontes peonís e quince paneis informativos


O proxecto conta cun orzamento de 400.000 euros. E afecta a uns 65,5 km dos que 25,3 pertencen ao concello de Santa Comba, 4,7 ao de Zas e 35,5 ao de Mazaricos. Está previsto o acondicionamento de todo o trazado coa roza de malezas e sinalización, ademais da construcións de dez pontes peonís colgantes de aceiro galvanizado e madeira.

Ademais, o proxecto inclúa a instalación de quince paneis informativos, varandas metálicas, carteis de dirección e espazos de lecer con mesas e asentos.

A senda pode realizarse na súa totalidade tanto a pé como en bicicleta. E atravesa zonas de interese como a Fervenza de Castriz, a praia fluvial de San Salvador, a presa da Xesteira, encoro da Fervenza , a praia fluvial de Esmorode, Devesa do Anllares, encoro de Santa Uxía, fervenza da Noveira, a capela de Rubín, a Ermida de San Blas ou a Ponte e o castro de Brandomil.