O responsable comarcal, Serxio Domínguez, recoñece que é un reto difícil.
O Bloque Nacionalista Galego está “plenamente” confiado en manter as alcaldías de Zas e Carnota, e mellorar a posición do partido no goberno bipartito de Fisterra, despois das vindeiras eleccións municipais.
Nunha entrevista concedida a Adiante Galicia, Serxio Domínguez, tamén se amosou confiado en poder recuperar un dos históricos bastións do nacionalismo comarcal, o concello de Corcubión.
Bo traballo en Camariñas e Muxía, situación complicada en Vimianzo
Os nacionalistas tamén valoran o traballo dos seus voceiros en Muxía e Camariñas, Carlos Concheiro e Ilva Carril, e agardan que medren electoralmente. Caso aparte son os concellos de Vimianzo e Dumbría, onde o BNG agarda presentar lista.
No concello de Vimianzo, Domínguez recoñeceu que hai unha situación complicada despois da marcha do grupo liderado polo alcalde Manuel Antelo Pazos, pero indicou que “O BNG ten vida propia” e neste municipio hai base organizativa.
O responsable comarcal do Bloque está esperanzado en poder conservar o deputado provincial que obtiveron pola comarca, xa que xunto coas perspectivas propias tampouco percibe que o PP vaia a mellorar os resultados.