O conxunto etnográfico dos Batáns de Mosquetón estarán incluídos no convenio da Deputación da Coruña e o Concello de Vimianzo que ata agora rexía a xestión do castelo.Así o confirmou hoxe o responsable da área de Contratación e Patrimonio, Xesús Soto, nunha xuntanza que mantivo co alcalde Manuel Antelo e coa concelleira de Cultura, Deportes e Mocidade, Marta Rei.
O conxunto dos Batáns de Mosquetín está conformado por tres batáns e sete muiños de cereais.O Concello asumirá recepción de visitas, promoción e actividades dos Batáns do Mosquetín a partir do día 18 de marzo que é cando remata o contrato da empresa que se ocupa da apertura e as visitas ao complexo arquitectónico.
Os termos acordados para o convenio contemplan en canto ao castelo a realización dunha nova edición da Mostra de Artesanía ao vivo, a xestión de visitas guiadas e atención ao público, roteiros trazados desde este edificio patrimonial ademais de actividades de difusión e promoción do enclave.En canto aos Batáns do Mosquetín, o convenio regulará que este ben patrimonial de titularidade da Deputación sexa xestionado directamente polo Concello de Vimianzo que se ocupará do servizo de atención a visitantes, actividades de animación e comunicación e promoción do espazo patrimonial. Entre outras iniciativas, contémplase o desenvolvemento de actividades de animación relacionadas coas muiñadas e o bataneado de mantas de lá.