Actualmente xa hai 62 nenos inscritos de entre 4 e 13 anos de idade.
O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente do recentemente creado Laracha Basket Xiria, Marcos Díaz Molk, asinaron o convenio de colaboración entre as dúas partes coa finalidade de potenciar e promocionar a no municipio a práctica deportiva, nomeadamente o baloncesto.
A entidade, referente nesta disciplina deportiva en Bergantiños e na Costa da Morte, vén de crear unha sección propia na Laracha co obxectivo de complementar e profesionalizar a oferta no baloncesto de base no noso municipio. Poderán formar parte dela os rapaces de entre catro e trece anos de idade que desexen adestrarse e competir en ligas federadas da súa correspondente categoría. Actualmente son xa 62 os nenos inscritos.
O goberno local da Laracha volve mostrar a súa aposta decidida por promocionar os estilos de vida saudables e educar aos nenos nos eidos do esforzo, o sacrificio e a colaboración a través do baloncesto, como tamén se fai con outras disciplinas deportivas apoiando durante todo o ano aos diferentes clubs. No caso do Laracha Basket Xiria o convenio establece que o Concello subvencionará o cincuenta por cento do custe de actividade. Por tanto, da cota de trinta euros mensuais establecida, os participantes soamente deberán aboar quince euros.
O Laracha Basket Xiria está a realizar nos centros de ensino do concello accións dirixidas a captar xogadores e, en todo caso, a potenciar a práctica de calquera modalidade deportiva como actividade esencial para o desenvolvemento persoal.
O convenio asinado tamén inclúe a organización por parte do Laracha Basket Xiria do torneo José Antonio Vega, un referente para o baloncesto de base da provincia durante o Nadal que neste ano alcanzará a súa sétima edición.
Fonte-Concello da Laracha