Terceira victoria consecutiva

0
626

297007_10150336069614425_634429424_8091496_402444710_n

O Carballo Básket superou o Arteixo.

CARBALLO BÁSKET XIRIA 71 – CB ARTEIXO 65

Marcador: 13-19, 31-29, 48-45, 71-65

Custou ferro e fariña pero chegou a terceira vitoria noutros tantos 
partidos para o Carballo Básket Xiria. Un comezo dubitativo de partido 
complicou o encontro, pero os de Basilio Pampín refixéronse para tomar 
o mando das operacións no segundo período e manterse á fronte da 
clasificación co cero no taboleiro de derrotas.

O CB Arteixo, con vellos coñecidos da afección carballesa nas súas 
ringleiras como Roberto Vilariño, Adrián Martínez ou Mindi comezou moi 
atinado en ataque, sobre todo guiados polo acerto de Manu grazas ao 
que se mantiveron nos primeiros dez minutos por diante no marcador 
(13-19). O segundo cuarto comezou na mesma dinámica, cos arteixáns 
mandando ainda que con vantaxes curtas. Víase que en calquera momento 
se podía dar a volta ao marcador e ese intre chegou a partir do minuto 
15. Catro puntos de Molk e cinco de Taibo de xeito case consecutivo 
dábanlle o empate ao Carballo Básket Xiria que colleitaba a primeira 
vantaxe do partido cunha canastra de Fran Cristóbal xusto antes de 
marchar ao descanso (31-29).

Con moito traballo e suando cada punto os locais asentáronse á fronte 
do partido marchando de 5-7 puntos pero sen conseguir abrir unha fenda 
que lle permitise afrontar os minutos da verdade con certa 
tranquilidade. Así chegábase ao último período co partido moi aberto 
(48-45). O acerto no lanzamento de tres puntos no derradeiro cuarto 
resultou determinante. A cada reacción visitante respostaba o Carballo 
Básket con triplas en momentos determinantes que lle permitían 
continuar á fronte do encontro. Ata cinco lanzamentos de 6.25 
encestaron os do Xiria nos últimos 10 minutos. Iso, e os tiros libres 
contra o final deixaron o resultado no definitivo 71-65.

CARBALLO BÁSKET 71 (13+18+17+23) Fran Cristóbal 10, Héctor 1, Taibo 
16, Molk 12, Tato 12 -cinco inicial- Adrián Pérez 1, Abraham, Juan 
Fernández 9, Luis Gómez 5, Alessandro e Bruno Calviño 5

CB ARTEIXO 65 (19+10+16+20) Adrián Martínez 7, Manu 18, Antelo 12, 
Guille Conchado 7, Couto 5 -cinco inicial- Adrián Fuentetaja, Roberto 
Vilariño 4, Guille Vilanova 2, Naveira 4, García 2, Mindi 4

Pavillón da Zona Escolar.

Árbitros: Blanco e Pérez. Eliminaron a Jose Tato polos locais e a 
Roberto Vilariño no cadro visitante.

 

CRÓNICA DE CARBALLO BÁSKET

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí