Ethel Vázquez anuncia que este ano tamén se contratará o treito entre Abuín e Failde.
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, trasladoulle hoxe á alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, que a Xunta licitará este mesmo ano a primeira fase das obras de mellora da estrada AC-406, que comunica esta vila coruñesa con Portomouro e Santiago de Compostela. Con este obxectivo procederase a tramitar o decreto de utilidade pública, a efectos expropiatorios, no vindeiro mes de novembro.
A conselleira de Infraestruturas, que mantivo hoxe unha xuntanza coa alcaldesa, informoulle de que a primeira fase destas obras suporá un investimento por parte da Xunta de Galicia de máis de 4,3 millóns de euros, tendo en conta tamén as expropiacións.
Esta actuación, ao longo duns 2 quilómetros, entre o Parque Empresarial e o núcleo de Abuín, suporá a execución dunha vía de novo trazado, unha variante, que lle permitirá, aos veciños e usuarios evitar a travesía actual do núcleo de Salgueiroas, co que supón de comodidade e de redución de tempo de percorrido. Ademais, suporá un reforzo considerable da seguridade viaria, xa que o treito que se mellorará ten un trazado sinuoso, con curvas pechadas, interseccións con visibilidade reducida e beiravías estreitas.
Treito entre Abuín e Faílde
Este proxecto prevé que os núcleos de Salgueiroas e a parroquia de San Pedro de Ser queden perfectamente conectados coa nova vía, e a execución de dúas interseccións: unha para conectar o núcleo de Salgueiroas coa variante; e outra, para o acceso ao parque empresarial de Santa Comba, que se fará a través dunha glorieta.
Por outra banda, tamén se levará a cabo a construción dos pasos inferiores necesarios e dun viaduto para salvar o Rego da Bouza, Paralelamente á execución desta actuación, traballarase tamén na redacción do proxecto correspondente á 2ª fase de mellora da estrada, entre Abuín e Faílde.
Vázquez Mourelle trasladoulle á alcaldesa de Santa Comba que o Goberno galego prevé contratar xa este ano a redacción do proxecto da segunda fase, entre Abuín e Faílde.
O Goberno galego aposta por mellorar as comunicacións entre Santa Comba e a capital de Galicia ao mesmo tempo que atende unha vella demanda de dotar aos veciños dunha estrada máis cómoda e máis segura, ademais de contribuír a incrementar as potencialidades e oportunidades, co que isto supón para o desenvolvemento económico e social deste municipio.
A esta actuación hai que sumar outra infraestrutura estratéxica que hai en execución, como é a Variante de Aradas, que suporá tamén unha mellora substancial para os veciños de Santa Comba nas súas comunicacións con Santiago, coas zonas industriais e mesmo na conexión co aeroporto.