Mazaricos aproba uns orzamentos de carácter social

0
3091

O Pleno do Concello de Mazaricos, na súa reunión ordinaria do 21 de maio, aprobou o Orzamento municipal para o ano 2021 cos votos a favor do grupo de Goberno e o rexeitamento dos dous grupos de oposición -Partido Popular e PSdGPSOE-.

Estas novas contas, que substitúen aos orzamentos de 2019, destácanse polo forte incremento en investimento social, xa que os gastos de protección e promoción social medran ata os 684.711 euros (cun incremento de máis de 400.000) sobre un orzamento total de 4,5 millóns de euros.

O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco, sinalou a este respecto que este importante incremento en investimento e protección social representa “a forte aposta deste Goberno polos servizos sociais para facer fronte á emerxencia causada pola covid-19 e asegurar a recuperación económica”.

O rexedor destaca o incremento da partida de transferencias para familias en situación de necesidade ou emerxencia social, “xa que se prevé que as situacións deste tipo irán incrementándose debido á
situación social que estamos vivindo”, explica.

Dentro das previsións relacionadas coa pandemia, inclúense a compra de EPIs ou o servizo de transporte para persoas maiores con baixos ingresos, así como servizos de desinfección especial de dependencias municipais. Servizos como a rehabilitación física e cognitiva seguirán a ofrecerse nos fogares para que as
persoas destinatarias non precisen de abandonar os seus domicilios con este fin.

A área de servizos sociais é pois unha das grandes beneficiadas por estes Orzamentos, que atenden especialmente ao incremento no número das persoas usuarias no servizo de axuda a domicilio. Os orzamentos tamén prevén as axudas escolares para transporte e material escolar. En canto ás axudas a empresas, estas xestionaranse a través da achega municipal (10.000 euros) ao PEL REACTIVA provincial, polo que non se inclúen no proxecto aprobado onte en pleno.

Do mesmo xeito, o Concello non contempla as axudas habituais anteriores á pandemia que cobren actividades que na actualidade non están a celebrarse, como as festas parroquiais ou eventos culturais.

Obras e infraestruturas

O anexo de investimentos contempla a mellora de camiños rurais con cargo á subvención do AGADER e as obras solicitadas con cargo ao POS 2021. Isto inclúe melloras en camiños rurais nos lugares de Grille, Lago, Maroñas, Señorío e Zanfoga, así como a rehabilitación de firmes e outras actuacións complementarias nos camiños rurais das parroquias de Antes, Beba, Chacín, Coiro, Corzón, Maroñas e Vao, e a mellora da pavimentación na rúa Rei Ferradás e nos camiños de Ventín e da área recreativa na Picota e rúas Casteliño e Santa Olaia en Pino de Val. Igualmente, o Orzamento inclúe a obra de mellora da
infraestrutura municipal na captación de Santa Baia e na ETAP de Pino de Val, obra incluída no POS complementario e que depende da aprobación definitiva.

Asemade, contémplanse intervencións en infraestruturas como a mellora da eficiencia enerxética da casa de cultura e a reforma e ampliación do edificio de Protección Civil da Picota, obra esta última para a que se está a tramitar a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación Provincial. Os Orzamentos tamén prevén a adquisición dun dron de loita contra os incendios.

Sobre os investimentos en obras, o rexedor lembra que o Concello “conta cun remanente de millón e medio de euros”, polo que o investimento real en obras mellorará as previsións do Orzamento.

NOTA- CONCELLO DE MAZARICOS

FOTO- RADIO XALLAS