Contido Patrocinado- Remitido polo Partido Galego
Hoxe falamos con Miguel Pérez, o candidato do Partido Galego á alcaldía de Santa Comba. Miguel non é un descoñecido, xa que foi alcalde durante tres anos, deixando un legado de boa xestión. A pesar das falsas noticias que inventaron sobre el e a súa administración, quen o coñece e trata con el, deposita totalmente a súa confianza na súa competencia, bo carácter e sensatez.
Miguel, falaches varias veces de que estabas retirado da política e non pensabas volver. Que che fixo reconsiderar esa posición?
Realmente non me imaxinaba estar en campaña neste momento da miña vida. Teño a miña empresa, a miña familia e iso xa me chegaba. Pero, teño unha filla de 19 anos que foi agora estudar a Santiago e iso moveume moito. Parei a pensar que o futuro dela sería lonxe de nós, non por elección propia, senón porque aquí non ten futuro. Máis que nada, foi iso o que me trouxo de volta ao escenario político. Quero o mellor para a miña filla, pode ser un pouco egoísta, en realidade, pero é o meu sentimento como pai o que me empurrou de volta á política.
Por que, na túa opinión, Santa Comba retrocedeu tanto? Por que paramos no tempo, mentres outros concellos ao noso redor seguen crecendo?
Penso que iso é consecuencia dun proxecto político, que é illar Santa Comba. Somos o único concello nun radio de 30 km de Santiago que non medrou e non ten infraestruturas, polo contrario, aínda perdemos as que tiñamos. Negreira, que está aquí ao lado, con menos poboación que nós, ten autobuses cada hora a Santiago.
Muros, ten menos poboación que nós e ten un centro médico que ofrece servizos que nós non temos. Que Santa Comba sexa un concello gandeiro non é unha escusa para nos manter no ostracismo e no illamento. Ao contrario, unha boa comunicación con outros lugares axudaría a desenvolver a nosa industria gandeira.
O proxecto político que hoxe está en marcha é o de matar Santa Comba ou facela un anexo de outro concello máis desenvolvido. Iso chega a ser unha puñalada no corazón dos nosos pais e avós, que construíron Santa Comba de cero coas súas propias mans.
Sempre falas da estrada Portomouro-Santa Comba. Por que é tan importante?
Porque volveríamos a ser o concello de paso para miles de persoas. Moita xente podería traballar na capital galega e vivir aquí. Teríamos máis poder de negociación coas empresas para que se estableceran aquí, xa que estamos nun lugar xeograficamente estratéxico para a distribución de produtos. Esa é a única forma de avanzar, traendo xente e novas industrias, incluso de transformación. Ese proxecto existe dende o meu goberno, e polo que nos consta a Deputación transferiu a estrada á Xunta en 2012, por iso xa debería estar feita.
Chama a atención que incluso persoas que viven aquí dende sempre e viron as cousas acontecer, foron contaminadas polas «noticias falsas». Tanto que, mesmo no debate, algún candidato te acusou de non ter feito as obras que mencionas nos teus mítines e confundiu o destino do Plan E que xestionaches. Como lidias con iso?
En realidade, nunca me preocupei en desmentir nada do que se dicía sobre min ou sobre a miña administración. Cando comezamos a campaña, vimos que realmente moitas cousas quedaron no imaxinario popular e desmentímolas todas, nos mítines, nas nosas redes, con documentos e hemeroteca. Mira, son unha persoa que non se involucra en conflitos.
Durante o meu tempo na política, quen escoitou as sesións plenarias sabe que sempre manteño a calma e a educación. E sigo así, nunca entrarei nunha loita de retóricas ou discutirei con alguén para converter un debate nun espectáculo. Todas as obras que menciono estaban paradas por algunha razón, e quen me escoita adonde vou sabe que menciono os alcaldes que comezaron os proxectos, pero os que fomos capaces de resolver todos os problemas para que esas instalacións puideran estar ao servizo da poboación fomos nós.
O ataque realizado na radio non foi moi acertado, pois confundiu o Plan E co Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación. O Plan E destinou 1 millón 600 mil euros para a construción da casa-cuartel da Garda Civil de Santa Comba. Ese proxecto entrou no Plan E en decembro de 2008.
As obras desenvolvéronse durante o meu goberno, e foi inaugurada en 2011 por Landeira (todo isto está na hemeroteca que algúns din que non existe).Non me vou alongar sobre as outras instalacións porque tamén é só facer unha busca rápida na internet e alí atópanse todas as informacións necesarias.
En relación a praza Ignácio Pensado Plágaro e o depósito de auga de San Cristobál, a documentación do plan de cooperación cos concellos da deputación está colgado na nosa páxina de facebook, onde se poden ver as cantidades reais asignadas a cada proxecto. E recordo que eu nin licitei, nin executei eses dous proxectos.
É moi difícil combater estas desinformacións. Porque a mentira chega a todos, pero a verdade tarda en chegar e cando chega é a poucos. Con todo, sigo a crer que máis cedo ou máis tarde a verdade prevalece.
O teu programa ofrece moito máis que a estrada de Santiago. Queres falar un pouco sobre el e deixar unha mensaxe para os electores?
O programa está a chegar a todas as casas de Santa Comba, temos propostas para 11 puntos: rural, medio ambiente, formación, emprego e industria, deporte, cultura e turismo, servizos sociais, transporte e vías de comunicación, xestión, servizos sanitarios e transparencia, dixitalización e participación popular.
Temos un equipo fantástico de xente de todas as áreas do coñecemento, con experiencia nas máis diversas áreas do mercado laboral e, o máis importante, que quere facer de Santa Comba a capital do Xallas, un exemplo de desenvolvemento e equilibrio entre o progreso e o medio ambiente.
A mensaxe que podo deixar é: voten en conciencia. Deixen o conformismo de lado e, cando teñan dúbidas, investiguen, busquen a información en fontes de confianza. Vamos xuntos transformar Santa Comba. O cambio só depende de cada un de nós e podémolo facer. Moitas grazas.