
A alcaldesa de Santa Comba traslada o seu descontento pola redución do servizo da Seguridade Social no concello e pide que se reconsidere a decisión.
A alcaldesa do concello de Santa Comba, María Pose, remitiu senllos escritos á Sudelegación do Goberno na Coruña e á Dirección provincial da Seguridade Social para transmitir o seu descontento e a súa preocupación pola redución do servizo que se presta no punto de atención e información que hai na Casa da Cultura de Santa Comba, que pasa de ser semanal a quincenal.
Servizo cunha aceptación excelente
María Pose destaca a importancia deste servizo que leva anos cun bo funcionamento por parte do funcionariado do organismo estatal e “cunha aceptación excelente por parte dos nosos veciños”.
Desde o concello de Santa Comba pídese que se reconsidere a decisión adoptada e se volva a prestar a atención semanal, tal e como viña acontecendo nos últimos anos.
“Non entendemos cal é motivo deste retroceso nun servizo que evita desprazamentos a moitos veciños de Santa Comba e permite realizar distintas xestións” indica a alcaldesa que está á espera de recibir a información oportuna.
Fonte- Nota de prensa do concello de Santa Comba