O concello de Santa Comba organizará o vindeiro venres, 17 de outubro, o I Festival xalleiro de Regueifas e Hip-Hop, que contará coa participación de diversos artistas. Será no Multiusos xalleiro, presentado por Xurxo Souto.
A concellería de Cultura, Deporte e Xuventude organiza este evento que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Deporte e da firma Alón Casa. No acto participarán Pinto de Herbón e Luís "O Caruncho", o grupo hip-hop "Trasnos do Moscoso" e varios regueifeiros das bisbarras de Bergantiños e Xallas. Desde a organización anuncian "unha degustación de regueifas con viño doce".
O Festival será presentado polo polifacético Xurxo Souto, e aínda que no cartel promocional do concello o presentan como dos "Diplomáticos de Monte Alto", realmente Souto xa deixou esta formación no ano 2001. "Os Diplomáticos" continuaron uns anos ata disolverse, e Xurxo Souto participou nos Tres Trebóns. Na actualidade, é xefe de programas da Radio Galega.