O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe nun acto con máis dun cento de gandeiros en Mazaricos, no que leu un manifesto “como proba do contrato, con feitos concretos” que o PPdeG establece co sector agrogandeiro galego, ao que o partido apoia incondicionalmente. Así, Feijóo comprometeuse con gandeiros galegos a “devolverlles a dignidade que se lles tentou usurpar estes tres anos” e que “por esforzo, traballo e resultados lles corresponde”.
Feijóo sinalou o rural galego como parte fundamental no desenvolvemento deste país que encara a segunda década do século XXI e mostrou o seu orgullo de que o rural se sinta identificado e integrado nesa maioría natural de Galicia que é o PPdeG, pese a que haxa quen quixo facer disto crítica e ata minusvaloralo.
No manifesto, Feijóo mostrou a súa plena confianza no sector agrogandeiro galego e presentou a súa alternativa a unha situación claramente negativa para o sector, que ve como a reacción da Xunta non vai máis alá da mera inacción. En nós –dixo- atoparán propostas para paliar os efectos da crise e atopar o camiño que permita superala; fronte a incompetencia, a irresponsabilidade e a desatención do Goberno.