O alcalde de Santa Comba , Miguel Pérez Fernández e o de Coristanco, Antonio Pensado Plágaro mantiveron unha xuntanza esta mañán, e na que acordaron solicitar unha entrevista co Presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, para presentarlle o proxecto de rede de abastecemento intermunicipal que a empresa Aquagest realizou, e recabar o apoio necesario por parte deste organismo.
Segundo a nota de prensa remitida desde o Concello de Coristanco, Pérez e Pensado puxeron unha nova data para seguir traballando en proxectos conxuntos. Será o 4 de abril. Nesta xuntanza tamén se falou da necesidade de demandar melloras na estrada principal que une as dúas localidades. No seguinte encontro, os rexedores iniciarán xestións para a mellora da estrada que comunica San Salvador de Padreiro con San Lorenzo da Agualada. Pérez Fernández e Pensado Plágaro visitarán a zona e encargarán a redacción dun proxecto.
Segundo as mesmas fontes, os dous concellos optan por manter vixentes os acordos asinados entre o exalcalde José Antonio Ucha e Antonio Pensado en materia de alumeado público e recollida de lixo.