Investimento de 551.302 euros por parte da Deputación.
As obras de ampliación e renovación das beirarrúas na travesía de Baio Pequeno xa están en marcha.O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asistía ao arranque dos traballos este xoves acompañado polo alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín.
O organismo provincial inviste 551.302 euro neste proxecto co obxectivo de ampliar o ancho da vía, mellorar a seguridade viaria e renovar os servizos urbanos básicos, no tramo comprendido entre o inicio da estrada e o punto quilométrico 1+320.
O presidente da Deputación da Coruña sinalou que se trata dun proxecto que responde a “unha demanda máis que xustificada do Concello de Zas” e que vai contribuír a “mellorar notablemente a seguridade viaria na zona, creando novos tramos de beirarrúas e renovando os existentes nun tramo de 1,3 quilómetros”.
Características da actuación
Os traballos prolongaranse por espazo de nove meses aproximadamente. Segundo informan desde a Deputación ”tras os traballos, a estrada DP 9301 quedará configurada coma unha travesía con dous carrís de circulación de 3 metros de ancho e beirarrúas de 2 metros a ambas marxes, que estarán executadas con baldosa hidráulica”.
Ademais “a zona da calzada repavimentarase cunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, que se aplicará tanto nos carrís de circulación coma nas zonas de aparcamento. Así mesmo, reporanse as marcas viais e a sinalización vertical”.