A candidata do Partido Popular á alcaldía de Camariñas, Paula Mouzo Más, comprobou as numerosas deficiencias que presentan os dous parques de Camelle e o da Ponte do Porto, en respectivas visitas que fixo.
Na localidade porteña, acompañada polo candidato da parroquia, Juan Carlos Amado Sambade, comprobou a inseguridade das varandas de madeira, o desgaste do solo, e diferentes problemas nos accesos e na contorna deste espazo do Campo da Feira.
“Este parque precisa unha renovación. Desde o PP comprometémonos a renovar esta instalación e os seus accesos, e tamén nos comprometemos a renovar un concello que necesita un cambio”, declarou Paula Mouzo.
Visita a Camelle
En días posteriores, a candidata visitou as instalacións de Camelle, que tamén presentan diferentes evidencias de falta de mantemento.
“A verdade é que o goberno do PSOE debería avergoñarse da falta de mantemento dos nosos parques infantís. As deficiencias que presentan os parques de Camelle son preocupantes. É unha mostra da falta de planificación dun goberno que ten catro cargos políticos cobrando e que non se preocupan por cuestións tan básicas coma coidar este espazos”.
“Se chegamos á alcaldía está será unha das nosas primeiras accións. Hai que manter o que temos” engadiu Paula Mouzo.