«Estamos en constante comunicación co departamento de contratación da Deputacion para que axilicen os trámites o máximo posible e temos a constancia de que nos próximos días haberá boas novas». Así se refería a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua ao proxecto de reurbanización da Ponte do Porto.
Conscientes do “malestar existente” na veciñanza da parroquia porteña, desde o goberno local socialista aclaran que o proxecto “segue vixente” e sairá a licitación próximamente.
440.000 euros de investimento na Ponte do Porto
O orzamento ascende a 440.000 euros financiados pola Deputación coruñesa. O motivo do atraso foi “un problema de contratación” que obrigou a licitar de novo a actuación.
Segundo lembran desde o concello de Camariñas as obras inclúen “a renovación de beirarrúas, iluminación pública e a creación tanto de novas zonas verdes como de prazas de aparcamento, todo acompañado de bancos, árbores e mellores estéticas. Ademais, tamén se reparará a baranda da ponte, que actualmente está deteriorada polo paso do tempo”.