Unha nova iniciativa no concello de Muxía. Un tren turístico “amarelo” que desde xa é un novo aliciente na vila da Barca.
O tren turístico xa opera en Muxía con dous itinerarios e unha gran acollida por parte do público visitante. Pódense percorrer os principais puntos do municipio, con destacados traxectos ata a Barca ou o Parador.
Itinerario curto
No primeiro, máis curto e cunha duración aproximada de 20 minutos, circularase polo Porto, o Coído, a zona da Pel, o Santuario da Virxe da Barca, o Paseo e con chegada novamente ao Porto. Os horarios dispoñibles, ás 11:00 horas, 13:00 horas e ás 17:00 horas. As tarifas serán de 3 euros os adultos e 1,5 euros nenas e nenos.
Itinerario longo
Durante o segundo traxecto, cunha duración estimada de 60 minutos, percórrense o Porto, a zona da Camposa, Arliña, o Parador, o Coído, o núcleo urbano de Muxía, a zona da Pel, o Santuario e novamente o Porto. Os horarios dispoñibles serán ás 12:00 horas, 14:00 horas, 16:00 horas, 18:00 horas e 19:30 horas. O prezo: 7 euros para os adultos e 3,5 euros para a rapazada.
O alcalde, Iago Toba, sinala que “Muxía está a vivir o mellor momento turístico e o importante é atraer empresas e fixar poboación nova mediante oportunidades que ofreza o sector. O tren turístico é un atractivo máis, ao nivel do das grandes cidades como Santiago ou Vigo e fíxose posible grazas á colaboración entre Concello e a empresa que empresta o servizo”, afirma o rexedor