Esta é a nova imaxe de marca do Turismo da Costa da Morte

0
1663


A CMAT presentou a nova imaxe corporativa do turismo na Costa da Morte, inspirada «na natureza, no mar, nas festas, na gastronomía e na artesanía como valores turísticos de destino» co obxectivo de trasmitir «alegría, maxia, entusiasmo e liberdade» segundo explican desde a entidade.


Nova imaxe turística


A imaxe foi elaborada pola axencia coruñesa Galo Publicidad en colaboración coa CMAT.»En termos estéticos supón unha ruptura total ca imaxe empregada pola CMAT ata o momento,comezando polo novo símbolo. A actual proposta, alegre e moderna, pretende simbolizar a riqueza do xeodestino a través das liñas coloridas que o identifican. Os autores buscaban que esta forma tivese unha interpretación persoal por parte de cada interlocutor: fogos de artificio, unha ola batendo contraunha roca, os palillos para facer encaixe… O uso da cor non é casual, xa que busca abarcar diferentes sentimentos e realidades recoñecibles da Costa da Morte: dende o azul do mar ata o laranxa dunha posta de sol.» explican desde a CMAT.


Xeodestino Costa da Morte


A iniciativa sitúase dentro da potenciación do xeodestino Costa da Morte dentro do Plan de Acción para o Turismo da Costa da Morte 2019-2021.Conta con catro bloques temáticos de actuación na oferta turística: «Costa da Morte, naturalmente salvaxe» para salientar a paisaxe natural da zona, «Costa da Morte, carácter mariñeiro» para as experiencias turísticas arredor do mar; dende a gastronomía ata as actividades náutico-deportivas, «Costa da Morte, máxica e espiritual» referíndose ao patrimonio inmaterial arredor de lendas e mitoloxía e, por último, «Costa da Morte, tradicional e profunda» que engloba festas e folclore.