Agardan unha resposta contundente da Xunta. Ferroglobe anuncia que presentará o seu plan en breve e o conselleiro adianta que responderán en base “á lei e ao interese público”.
Semana intensa na problemática que afecta a Ferroatlántica. Desde a empresa lanzaban o seu plan de futuro que contempla a venda das minicentrais do Xallas.
Unha cuestión innegociable para os representantes dos traballadores. Isto provocou que sete membros do Comité de empresa das factorías de Cee e Dumbría abandonaran a UXT e CCOO, despois de que as dúas centrais respaldaran o preacordo. Desde a Unión Xeral de Traballadores pensan que é a decisión máis axeitada e un garante de “emprego e investimentos”.
Santiago Paz:”Sentímonos traizoados”
O presidente do Comité de empresa e un dos ata agora dirixentes de UXT, Santiago Paz, ofrecía este testemuño nos micrófonos da Radio Galega:»Sentímonos traizoados polos compañeiros. Sentímonos pouco lexitimados para seguir nestas siglas porque agora mesmo a nós non nos representan. Deixáronnos tirados porque eles sabían desde o primeiro momento a postura nosa, que levamos xa seis meses loitando contra isto e e eles sabíano. Eles fixeron un plan industrial para o señor Villar Mir, pero non contaron cos compañeiros da Costa da Morte».
“A Xunta falará a través do dereito administrativo”
Desde a Xunta tanto o Vicepresidente Alfonso Rueda como o conselleiro de Industria, Francisco Conde insisten en que aínda non recibiron ningunha proposta de Ferroglobe e que como dixo o conselleiro “no seu momento a Xunta falará a través do dereito administrativo, dando unha resposta en base á lei e a salvagarda do interese público”.
Pola súa banda a voceira do BNG, Ana Pontón, demandou ao presidente da Xunta unha resposta contundente e animouno a “levantar o teléfono e dicirlle a Villar Mir que as centrais do Xallas non se venden”.