Gonzalo Trenor supervisa as actuacións do Plan Hurbe en Paiosaco

0
433

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel López, supervisou o avance das obras de mellora da contorna do campo da feira de Paiosaco, unha actuación que é posible grazas á sinatura do convenio entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello por un importe de 130.000 euros.

Os traballos consisten na creación duns espazos urbanos máis amables para os peóns, dotándoos dunha maior comodidade e seguridade grazas á ampliación de beirarrúas, creando incluso un tramo novo nas proximidades do campo da feira.

Trenor lembrou que esta iniciativa está incluída no Plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego, hai máis dunha década, para axudar aos concellos na materialización de proxectos urbanísticos do seu interese.

O delegado da Xunta destacou dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas, como a impulsada pola Laracha.

Así, a Xunta asume o 70% da actuación -neste caso concreto, son 92.105 euros-, mentres que a porcentaxe restante é achegada polas entidades locais –case 40.000 euros serán aportados polo Concello da Laracha-. Non obstante, ambas administracións comparten o obxectivo de crear, mellorar e humanizar as infraestruturas de uso público e colectivo, para mellorar os servizos e equipamentos ao servizo dos cidadáns.

 

QUÉ OPINAS? DEIXA O TEU COMENTARIO FACENDO CLICK AQUÍ.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí