O Concello da Laracha continúa mostrando o seu firme compromiso coa posta en valor dos entornos fluviais como espazos naturais de gran valor paisaxístico e medioambiental, e facéndoos aptos para uso e disfrute dos veciños e visitantes.
Todos os anos desde o Concello impúlsanse actuacións nas marxes dos ríos para acondicionalas, controlar o crecemento da biomasa e mantelas en boas condicións de limpeza, centrando os traballos na época do verán polas condicións climatolóxicas máis favorables para o desenvolvemento deste tipo de tarefas. Os labores consisten, esencialmente, na eliminación da maleza na zona de policía de cinco metros e a ambas marxes dos ríos nos tramos nos que a orografía do terreo así o permite.
Nos últimos meses as brigadas medioambientais municipais actuaron nunha distancia lineal de máis de 19 km, sendo 10,7 km no río Anllóns (desde Os Muíños de Coiro ata Tuixe), 6 km no río Acheiro (desde a confluencia co Anllóns ata A Beria en Golmar) e 2,6 km no río Bradoso (desde o cruce de San Fins ata O Xestal). Actualmente os operarios están concluíndo as intervencións no Anllóns, estando xa rematadas nos outros dous ríos. O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro José Ramón Martínez Barbeito reuníronse cunha das cuadrillas á altura do lugar de Vista Alegre (parroquia de Vilaño) para interesarse polo resultado das actuacións.
O patrimonio natural que conforman os ríos laracheses son espazos de alto valor paisaxístico e de biodiversidade animal e vexetal que en moitos casos son descoñecidos mesmo polas persoas residentes nas proximidades desas zonas.