Ovidio Rodeiro informou sobre o Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia.
O delegado territorial da Xunta na Coruña participou nun encontro de traballo para avanzar no Plan Estratéxico de Turismo Rural de Galicia, realizado no xeodestino de Costa da Morte (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco, Corcubión, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas).
Ovidio Rodeiro fixo balance das principais liñas de axudas que este ano abriu Turismo de Galicia, que dirixe Nava Castro. Concretamente, na comarca de Carballo-Costa da Morte percibirán 239.772 euros para acometer obras de mellora de accesibilidade, sinalización ou acondicionamento das súas infraestruturas turísticas e para as súas festas declaradas de interese turístico galego.
A esta cantidade hai que sumarlle o que aportan os propios concellos o que suporá que na comarca se investirán 362.000 ao abeiro destas axudas. Estas partidas inclúense dentro dunha convocatoria para toda Galicia na que Turismo investirá na nosa provincia más dun millón de euros.
Tal e como explicou Ovidio Rodeiro, para afondar na colaboración coa administración local, Turismo de Galicia ampliou este ano os fondos dirixidos aos concellos. A liña para melloras nas infraestruturas incrementouse en 2018 un millón de euros, ata os 2,5 millóns. Ademais, mentres que ata agora procedían de fondos europeos, agora pasan a ser fondos propios.
Relación de Axudas
O apoio aos concellos centrouse en 12 proxectos na comarca de Carballo-Costa da Morte Entre os investimentos máis importantes destacan a rehabilitación do centro de interpretación de Buño para uso turísticos, a mellora de sinalización de recursos turísticos en Muxía, a mellora de accesibilidade e sinalización aos recursos turísticos de Ponteceso ou a iluminación do paseo marítimo da praia de Langosteira en Fisterra, entre outras actuacións.
Nas convocatorias de Turismo se inclúen tamén as subvencións aos concellos para o apoio, promoción e difusión para as festas declaradas de interese turístico de Galicia, que este ano 2018 conta cun crédito orzamentario de 306.000 euros para toda Galicia.
Na área de Carballo-Costa da Morte recibirán unha axuda de 3.000 euros a través de Turismo de Galicia a XXVIII Mostra do Encaixe de Camariñas, a Semana Santa de Fisterra, a Festa das Cereixas de Paiosaco, a Festa do Naufraxio de Laxe, a Romaría de Santo Hadrián de Malpica, a Festa do Percebe do Roncudo, a Romaría San Fins do Castro e a Faguía de Carnés.