Distintas valoracións sobre os orzamentos da Costa da Morte

0
875

Aurelio Núñez Centeno(PP), Loli Toja(PSdeG) e Serxio Domínguez Louro(BNG) valoran os orzamentos.

 

Orzamentos comprometidos coa Costa da Morte

 

Para o Partido Popular os orzamentos confirman o compromiso do goberno galego coa comarca da Costa da Morte con case dez millóns de euros “que servirán para mellorar as infraestruturas, os servizos e a actividade industrial da comarca».

 

O deputado carballés, Aurelio Núñez Centeno, destacou o investimento de 900.000 euros para a continuidade da vía de altas prestacións da bisbarra no treito Baio-Vimianzo que estará finalizado na presente lexislatura.

 

Tamén valorou de forma «moi positiva» a partida de 500.000 euros destinada a dragaxe do porto de Laxe, os 750.000 euros que se destinan para a mellora da depuradora da Laracha ou os 117.000 euros para e reforma do centro de saúde desta localidade, ou as bonificacións para a compra de terreos no Polígono de Bértoa.

 

Outros investimentos que suliñan desde o PP son os 270.000 euros para a mellora dos centros de Formación Profesional de Carballo, e os investimentos que Portos de Galicia realizará para reforzar os amarres dos portos de Laxe e Camariñas, ou o abrigo do porto de Fisterra, que contará cunha partida de máis de 260.000 euros.

 

 

Loli Toja:»A Xunta non aposta por estas comarcas»

 

Para a deputada autonómica Loli Toja son unha mostra de que“a Xunta non aposta por estas comarcas, nin ten nin pretende ter proxecto para os territorios esquecidos”, a pesar que estamos nunha das zonas máis necesitadas”.

 

“Non hai nada para investimentos no saneamento en Laxe, Corme, Ponteceso, Malpica ou Cabana así como tampouco hai nada para reparar os desperfectos do temporal de febreiro deste ano, aínda pendentes de arranxo” afirma a deputada socialista que tamén critica a falta de investimentos en equipamentos para o Hispital Virxe da Xunqueira ou para a posta en marcha do centro de día de Corcubión.

 

Loli Toja pensa que a estrada Portomouro-Santa Comba recibe unha cantidade “absolutamente insuficiente” e a autovía da Costa da Morte queda limitada a un corredor e detecta unha certa inconcreción.

 

 

Un castigo á Costa da Morte para o BNG

 

 

Para o BNG os orzamentos da Xunta son discrecionais e castigan á Costa da Morte.“Confeccionan uns presupostos con clara discrecionalidade e coa intención de asfixiar aos gobernos locais da Costa da Morte” asegura o portavoz comarcal Serxio Domínguez.

 

O Bloque Nacionalista Galego considera que os orzamentos da Xunta para a Costa da Morte foron deseñados dun xeito “moi descarado e ruín” e están orientados a dificultar a acción de goberno “dos concellos non amigos”. E lembran que o PP non goberna en ningún concello da zona.

 

Desde o BNG lamentan as que non haxa referencias concretas “para os centros de ensino, de saúde, infraestruturas e mantemento de vías, programas de emprego, de cultura, conservación patrimonio, dinamización turística, nin tan sequera a dotación para o servizo de gardacostas despregado en varios portos da Costa da Morte. O parque do megalitismo, a variante ao porto de Brens, heliporto de Ruibo, o saneamento integral de Cee e da ría de Corcubión, o centro de saúde de Fisterra ea mellora do de Cee, os plans do cabo Fisterra e Touriñán”. ‏