Adxudicada a I Fase da Obra de abastecemento a Carballo (Anllons – Bardoso)

0
657

A Casa do Concello vén de acoller o acto de sinatura do contrato da Fase I da obra de «Mellora do sistema xeral de abastecemento a Carballo (Anllóns-Bardoso)» no que estiveron presentes o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o Concelleiro de Obras, Luís Lamas, e representantes da empresa adxudicataria, a UTE (Unión Temporal de Empresas) Anllóns Bardoso I formada por Construcciones López Cao SL e Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL. O prezo de adxudicación é de 1.024.870 euros (IVE incluído) e o prazo de execución é de catro meses (120 días naturais) a contar dende o día seguinte ao da sinatura da acta de comprobación de replanteo. Hai que subliñar que a UTE tense comprometido a realizar melloras técnicas e de obra sen custo adicional por un importe de 112.453,05 euros. Os responsables da UTE manifestaron a súa intención de comezar a traballar o antes posible, tan pronto estea elaborado o plan de seguridade. Subliñan, así mesmo, que a climatoloxía, aínda que pode favorecer o desenvolvemento dos traballos se é benigna, neste caso non impide, de ser adversa, que as obras se realicen con normalidade. Hai que lembrar que esta adxudicación prodúcese despois da resolución do contrato para a realización destes mesmos traballos coa UTE formada por Extraco Construcións e Proxectos SA e Decoraciones J. Bello SL. O Consello Consultivo de Galicia ratificou esta rescisión despois de que, unha vez rematado o prazo de execución, que entón era de 8 meses, a UTE só tivera certificados arredor de 9.000 euros fronte aos 1.024.648,57 euros do prezo do contrato anterior.

Ao mesmo tempo que se daban os pasos para ratificar a rescisión, abriuse un proceso de licitación para poder realizar unha nova contratación ao que se presentaron un total de 17 empresas. Mantivéronse exactamente as mesmas condicións que no anterior prego, cunha única modificación para bonificar a redución do prazo de execución dos traballos, que finalmente pasou de oito a catro meses. A urxencia á hora de realizar a nova adxudicación estivo determinada polo feito de que os traballos están cofinanciados nun 70 por cento con fondos Feder (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional). Así, o prazo de xustificación que esixe a UE (Unión Europea) para conceder a subvención remata en marzo de 2015, cando a obra debería estar executada. Coa nova adxudicación do proxecto, e de cumprirse o prazo de execución ofertado pola UTE Anllóns Bardoso I, deberían poder certificarse os traballos a tempo e cumprir así cos prazos estipulados pola UE. Dentro do proxecto para mellorar o abastecemento de auga a Carballo, nestes momentos xa están en execución os traballos da Fase II, unha actuación que está sendo realizada pola UTE formada por Construcciones Ramón Vázquez y Reino SL e Demaín Obras y Servicios SL por un importe de 2.413.950 euros (IVE incluído). Nestes momentos as obras marchan por diante do cronograma temporal previsto, e a UTE confía en que a finais de outubro ou primeiros de novembro xa se poda colocar o depósito de auga bruta incluído na actuación. Sumando os importes dos dous contratos, incluídas as melloras sen custo adicional ofertadas námbolos dous casos, o orzamento total para mellorar o abastecemento de auga a Carballo rolda os catro millóns de euros.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí