A Vía de Alta Capacidade da Costa da Morte será unha autovía en todo o seu percorrido de 42,4 quilómetros entre Carballo e Berdoias e suporá un investimento de 219 millóns de euros. Esta infraestrutura será aberta ao tráfico como autovía entre Carballo e Baio (25,6 quilómetros) en novembro de 2010 e no treito Baio-Berdoias (16,8 quilómetros) en maio de 2011. Así o explicaron desde a Consellería de Política Territorial, logo de que a mesa de contratación propuxera a agrupación de empresas: Ferrovial Agromán e Taboada e Ramos,para que sexa a adxudicataria da mellora.
A conselleira de Política Territorial, María José Caride, procederá a formalizar a adxudicación da Vía de Alta Capacidade Carballo-Berdoias unha vez que a empresa proposta pola mesa de contratación, a agrupación formada por Ferrovial Agromán e Taboada y Ramos, acredite debidamente que cumpre coas obrigas que determina a lei de contratos e o prego de licitación desta obra. Os traballos de construción desta infraestrutura comezarán logo de que a empresa presente o seu proxecto construtivo definitivo que deberá ser supervisado polos técnicos da CPTOPT.
A proposta elevada hoxe pola mesa de contratación para a adxudicación desta infraestrutura logo de avaliar que a oferta máis vantaxosa para o interese público atendendo aos criterios de adxudicación establecidos no prego de cláusulas administrativas é a formulada pola antedita agrupación de empresas.
A VAC da Costa da Morte entre Carballo e Berdoias será, logo das melloras realizadas no proxecto polo actual Goberno galego, unha autovía libre de peaxe de catro carrís de 3,5 metros, dous en cada sentido, e con beiravías interiores de 1,5 metros e beiravías exteriores de 2,5 metros.