Varios candidatos da Costa da Morte nas eleccións do 23X

0
820

Oito formacións políticas presentan lista ao Congreso pola provincia da Coruña. E tanto no Congreso como no Senado hai varias persoas da zona.

Xesús Gómez aspira ao Senado

O BNG opta polo xalleiro Xesús Gómez Antelo como candidato ao Senado. É o primeiro nome que figura na lista pola Coruña.Este veterano activista nacido no Carballal- Vilamaior leva décadas desenvolvendo a súa actividade en Suíza.

Na candidatura para o Congreso repite no primeiro posto, Néstor Rego.

Da nosa contorna tamén figuran nas listas o coristanqués Xosé Antonio Andrade, no número cinco, como primeira suplente a camariñana, Ana María Pasantes Bouzas e tamén como suplente a carballesa Belén Lendoiro.

O camariñán Fabián Canosa nas listas do Senado

Imos co Partido Socialista. Na lista coruñesa ao Congreso que encabeza José Miñones están Jorge Domínguez Castro de Corcubión, no número 5, Paula Castiñeiras, de Trazo, no número 7, e o exalcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, no número 8.

Nos postos de suplentes aparece a xalleira Jéssica Antelo Álvarez, o coristanqués, José Manuel Pérez Abelenda e o exalcalde de Fisterra, José Marcote.

E un concelleiro de Camariñas, Fabián Canosa Pasantes ocupa o terceiro posto no Senado. Nesta candidatura, e como suplente tamén está a larachesa Inés Ramos.

Luis Insua, José Muíño e María Pose

Con respecto ao Partido Popular, na candidatura liderada por Miguel Tellado, están como suplentes O fisterrán Luis Ínsua Lago e o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez.

Polo que respecta ao Senado hai tres suplentes da zona. A exalcaldesa de Santa Comba, María Pose, a concelleira da Laracha, Patricia Bello e a exalcaldesa de Muros, Inés Monteagudo.

Manuel Fuentes, candidato de Vox ao Senado

E o veterinario e cetreiro, Manuel Fuentes Lamas, encabezará a candidatura de Vox ao Senado pola nosa provincia.

Fuentes Lamas é o coordinador do partido de Abascal na zona de Bergantiños, e tivo moita repercusión nos medios, pola súa oposición a Lei de Benestar Animal do goberno central, polas súas intervencións na problemática do lobo ou por organizar unha homenaxe anual á primeira vítima de ETA, o malpicán José Antonio Pardines Arcay. Está vinculado á asociación Nostra Terra.

Na candidatura de Vox ao Congreso tamén figura a carballesa Elena Gómez Senra.

Fernando del Moral na candidatura de Sumar

E na candidatura de Sumar, a formación impulsada por Yolanda Díaz, participa o concelleiro de Podemos en Laxe Fernando Del Moral Regaldie.

Marta Lois é a número 1 polo Congreso e a poeta Marilar Aleixandre polo Senado.

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí