Cofinanciada pola Deputación da Coruña e grazas ás axudas para entidades de xestión dos xeodestinos da provincia da Coruña, a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) promove a campaña Costa Da Morte Familiar.
O obxectivo desta campaña é dar a coñecer Costa da Morte coma destino familiar e, sobre todo, motivar a familias galegas a visitar os diferentes concellos para descubrir a súa diversidade patrimonial, natural e cultural.
Catro familias galegas formadas por bloggers especializadas en viaxes familiares percorrerán os diferentes concellos que conforman Costa da Morte durante catro fins de semana. Os lugares e as actividades que coñecerán están pensadas para familias con nenas e nenos, así coma establecementos con servizos ideais para este segmento de público, priorizando aqueles adheridos á CMAT a través da entidade APTCM.
Aqueles establecementos turísticos da Costa da Morte interesados en participar neste tipo de actividades, e se aínda non son socios da CMAT, pódense por en contacto ca entidade a través do formulario de contacto da web: www.visitacostadamorte.com
A Campaña Costa da Morte Familiar estará liderada por Eva Abal e Dani Keral, dous bloggers de viaxes profesionais afincados en Galicia con blogs – Un Viaje Creativo e Una idea, un viaje – referentes dentro da blogosfera española. Ademais gozan dunha ampla experiencia organizando campañas de difusión turística e de comunicación como Gijón Eje de Asturias, Polinesia Francesa: más que Bora Bora ou Cambia o Mood: activa o modo bosque e TalentiaSummit20.
Escapalandia inician o programa
Esta campaña contará con catro familias que realizarán catro escapadas pola Costa da Morte a partir deste fin de semana e ata outubro, polos diferentes concellos. A primeira familia blogueira é Escapalandia, un blog cunha gran comunidade de seguidores conformada por familias que creceron cos seus fillos, con mais de 100.000 visitas mensuais. Un blog centrado en escapadas cortas e fins de semana, con compoñente de natureza, áreas recreativas ou rutas, cultural con museos ou patrimonio e etnográfico. Actualmente conta con 3.147 seguidores en Instagram, 3.131 en Twitter e 16.981 en Facebook.
Escapalandia estará este fin de semana en Mazaricos, Vimianzo, Carnota, Dumbría e Cee e retransmitirán toda a súa escapada nas redes sociais de Escapalandia (@escapalandia), Visita Costa Da Morte (@visitacostadamorte), Dani Keral (@danikeral) e Eva Abal (@unaideaunviaje).
A través desta iniciativa chegarase a un total de 116.000 persoas contando cos seguidores de Eva Abal, Dani Keral e das catro familias participantes. Para non perder ningún detalle, segue todos os perfís nas redes sociais.
Nota de prensa- CMAT