A medida beneficiaría a preto de 2.500 veciños dos dous concellos.
Os alcaldes de Muxía, Félix Porto, e Vimianzo, Manuel Antelo, presentaron un proxecto conxunto para a mellora da rede de abastecemento de auga nos núcleos próximos a Suxo e Castelo, ambas as dúas pertencentes á parroquia de San Martiño de Ozón en Muxía, e nos núcleos de Cereixo, Castrelo, Carnés e Berdoias, en Vimianzo.
O receptor da proposta foi o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nunha xuntanza que contou coa presencia do responsable de Vías e Obras, José Manuel Pequeño.
Case 2.500 veciños beneficiados
Segundo se concreta nos detalles do proxecto, este contribuiría a mellorar a rede de auga potable dos núcleos muxiáns de Agranzón, Casa do Monte, Castelo, Cebráns, Fonte Raposa, Fumiñeo, Gatarante, Merexo, Ozón, Peopombo, Quintáns, San Martiño, Suxo, Vilar de Sobremonte e Vilela, que suman unha poboación de preto de 1.000 veciños, segundo os datos do INE de 2016, mentres que en territorio vimiancés beneficiaría a outros preto de 1.500.
Distintas alternativas
O documento presenta tres alternativas diferentes para a súa execución: abastecemento dende a Devesa, dende a captación de Bouza e dende a captación de Castiñeira, detallando as vantaxes e inconvenientes de cada un, así como as necesidades de instalación de estacións de bombeo e decantadores, melloras nas captacións xa existentes e afeccións as estradas da zona durante os traballos de construción da rede.
O presidente da Deputación valorou a importancia do proxecto, que será estudiado polos servizos técnicos. Comprometeuse tamén a valorar o financiamento dun 50% do importe total das obras no último trimestre do ano, tras a incorporación dos remanentes orzamentarios.