Andrés García considera moi positiva a unión entre concellos.
O alcalde de A Baña aposta por insistir na necesidade dunhas boas comunicacións entre Santa Comba e a capital de Galicia e considera que chegou o momento de “darlle o impulso necesario para que se faga esta obra tan importante”.
O rexedor pensa que é necesario “apreta-las clavixas” e “volcarnos” para que a estrada sexa unha realidade canto antes e que “A Baña súmase a esta demanda, porque non só é Santa Comba o concello que pide esta mellora”, senón que segundo o rexedor, hai varios municipios que respaldan esta petición.
Nunha entrevista no programa “Na Encrucillada”(107.5 FM), García Cardeso tamén destacou a importancia dos proxectos mancomunados que se están a xestionar con outros concellos, entre eles un servizo de recollida de cans e gatos abandoados “porque os concellos carecen dos medios necesarios”. O alcalde bañés pediu a Deputación “que lidere esta iniciativa”.
Andrés García(PP) tamén fixo un balance positivo dos dous primeiros anos desta lexislatura “a pesares das dificultades e da falta de dispoñibilidade económica”. Salientou proxectos en marcha como a depuradora comarcal de Barcala, que terá un investimento aproximado de dez millóns de euros, e aparte da estación depuradora promoverá tres saneamentos no seu municipios, ou o compromiso cós servizos sociais, refrendado cun convenio coa administración ou as distintas obras que se están acometendo no concello.