Alfonso Rueda inspecciona a maquinaria mancomunada

0
526

Os alcaldes da mancomunidade Xallas-Barcala-Dubra recibiron ao Vicepresidente da Xunta.

 

O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, realizou esta mañá unha visita a Val do Dubra para coñecer os investimentos conxuntos levados a cabo entre este concello e os de Negreira, A Baña e Santa Comba grazas ao Fondo de Compensación Ambiental.

 

Durante a visita, Rueda estivo acompañado dos alcaldes de Val do Dubra, Ramón Camilo Varela; de Negreira, José Blanco; de A Baña, José Andrés García; e de Santa Comba, Antonio Landeira. Estes concellos foron beneficiados polo Fondo de Compensación Ambiental en anos anteriores de xeito individual, e no 2012 optaron a estas axudas de maneira conxunta, recibindo máis de 110.000 euros a maiores que destinaron á compra de equipamento para actuacións medioambientais, como un minitractor con cortadora lateral, un camión con guindastre e 4 dumpers.

 

O vicepresidente felicitou aos concellos por poñer en marcha este tipo de prestación conxunta de servizos, xa que permiten acadar unha maior eficiencia e eficacia e benefician a todos os seus veciños ao aforrar custes e evitar duplicidades. Rueda insistiu na necesidade de seguir este camiño e subliñou que a Xunta seguirá a primar nas axudas aos concellos que aposten por proxectos compartidos, como sucede no Fondo de Compensación Ambiental.

 

O Goberno galego puxo en marcha o Fondo de Compensación Ambiental no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. De feito, desde que se puxeron en marcha estas axudas, máis de 200 concellos galegos se teñen beneficiado delas, e só na provincia da Coruña supuxeron máis de 10 millóns de euros.

 

O vicepresidente lembrou unha vez máis a importancia do Fondo de Compensación Ambiental para os concellos galegos, polo triplo beneficio que representa: axuda ás facendas locais; coopera na conservación do medio ambiente e é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia.

 

 

 

TEXTO E FOTOS- CONSELLERIA DE PRESIDENCIA 

 

DEIXA O TEU COMENTARIO

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí